O programa de prevención da dependencia do Concello de Boqueixón incorpora unha terapeuta ocupacional da AGADEA como apoio no desenvolvemento das súas actividades. Esta asistencia é posible grazas ao apoio de colaboración asinado coa Asociación Galega de axuda aos enfermos con demencias tipo Alzheimer polo cal reforza o labor desenvolvido polo Departamento de Servizos Sociais de Boqueixón nos programas que se levan a cabo, especialmente cos maiores. AGADEA asume o custo da terapeuta ocupacional que colabora dende hai unhas semanas na posta en marcha das distintas actividades do programa de prevención de dependencia do Concello de Boqueixón.
As sesións desenvólvense no local sociocultural de Sergude os martes e xoves de 16.30 a 19.30 horas. Para facilitar a participación, o Concello de Boqueixón proporciona un servizo de transporte, realizado pola educadora familiar e coordinadora do programa, María Pereira, dende os domicilios dos distintos participantes ata o centro. “Na actualidade contamos con 10 participantes con idades comprendidas entre os 60 e os 90 anos. Todos eles teñen dificultades de mobilidade, cognitivas e/outras circunstancias persoais polas que precisan dun apoio terapéutico ou social”, indica.
É por iso que se estableceu esta colaboración coa AGADEA co fin de seguir mellorando a calidade de vida dos participantes deste programa. Segundo explica María Pereira, “o programa de prevención da dependencia do Concello de Boqueixón iniciou a súa andadura no ano 2010 en resposta á demanda de varias familias de levar a cabo actividades para maiores con limitacións de mobilidade, cognitivas e/ou en aillamento social”. O seu principal obxectivo é “mellorar a súa calidade de vida e ralentizar o seu deterioro cognitivo físico é mental a través das diversas actividades que se plantexan ao longo do ano”.
As actividades traballan aspectos como estimulación cognitiva, orientación temporal e espacial, psicomotricidade, autoestima, ergoterapia, actividades lúdicas, celebración de aniversarios e propostas específicas por datas sinaladas (Nadal, Entroido, días internacionais…). Tamén se contemplan iniciativas coma a lectura e posterior debate de novas de actualidade, musicoterapia, xerontoximnasia ou saídas puntuais.
O servizo conta cunha asistencia moi alta e reporta grandes beneficios aos seus asistentes. En verbas de María Pereira, “os participantes experimentan un avance tanto a nivel cognitivo como emocional que provoca unha melloría no seu estado físico en xeral”. Unhas melloras que se complementan co traballo desenvolvido a través da colaboración entre o Concello e a Asociación AGADEA co fin de mellorar a calidade de vida dos maiores inscritos no programa de prevención da dependencia do Departamento de Servizos Sociais.
O programa de prevención de dependencia de Boqueixón ten un custo de 25 € por trimestre e por usuario. Esta contía está principalmente dirixida a cubrir desprazamentos e materiais. Dende o Concello asúmese a práctica totalidade dos gastos das actividades co fin de proporcionar un envellecemento activo dos seus participantes.