O Concello de Boqueixón estreou hoxe de xeito oficial o seu primeiro albergue de pelegríns. O acto estivo presidido polo alcalde, Manuel Fernández Munín; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro. Tamén asistiu o concelleiro de Servizos Xerais, Jesús Sanjuás.
O albergue Raíña Lupa está localizado a carón da N-525 no lugar de Gándara, parroquia de Sergude. O estabelecemento conta cun total de 18 prazas (14 delas en literas e 4 en habitacións dobles). Tamén dispón dunha ampla sala de estar, unha pequeña cociña e unha lavandería.
Durante a súa visita, Fernández Munín, Castro e Rodeiro coincidiron á hora de gabar a iniciativa desenvolvida por Carmen Rosende Blanco e Bruno Rey Rey. Tras o percorrido, as autoridades firmaron no libro de visitas do Albergue Raíña Lupa. No caso de Nava Castro salientou a importancia de desenvolver este proxecto empresarial “que pon en valor o Camiño de Santiago nesta Vía da Prata” e pola aposta por “ofrecer un servizos de calidade aos pelegríns”.
Nesa mesma liña, Ovidio Rodeiro felicitou aos impulsores deste albergue que tamén salienta “a importancia da Raíña Lupa e do Pico Sacro”. O delegado da Xunta de Galicia na provincia da Coruña agarda, ademais, que esta iniciativa empresarial “sexa un revulsivo para o territorio” e que contribúa a unha potenciación do sector.
Finalmente, o rexedor boqueixonés felicitou a Carmen Rosende e Bruno Rey por poñer en marcha “o primeiro albergue do municipio, que permitirá que os pelegríns que percorren a Vía da Prata poidan realizar unha parada e descansar do seu traxecto nun estabelecemento con servizos de calidade”.
Visita ao Pico Sacro
Tras a visita ao albergue Raíña Lupa, as autoridades desprazáronse ao Pico Sacro. Unha vez alí, Nava Castro tivo a oportunidade de coñecer as distintas actuacións que se están a desenvolver neste enclave histórico, patrimonial e turístico dentro do proxecto que foi recoñecido co Premio Galicia Parabéns.
As próximas accións que se levarán a cabo na zona contemplan a creación dun roteiro ata o cumio do Pico Sacro, ademais de levar a cabo o acondicionamento do exterior do depósito de auga co fin de integralo paisaxísticamente.
Outra das actuacións incluídas neste proxecto comprenderá a rehabilitación e mellora das instalacións do Centro de Interpretación do Pico Sacro. Deste xeito, o Concello de Boqueixón disporá dunha serie de recursos turísticos de interese para os visitantes que queiran coñecer este enclave tamén de interese dentro das propias lendas xacobeas.