Máis de 320 persoas participan hoxe no XXVII Encontro dos Nosos Maiores do Concello de Boqueixón. A xa tradicional cita comezou a media mañá coa celebración dunha misa no salón de actos do CPI Antonio Orza Couto para despois dar paso ao xantar de confraternidade no pavillón polideportivo de O Forte.
O encontro foi presidido polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, que estivo acompañado polo delegado da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, ademais de distintos membros do goberno local e da oposición. A celebración acolleu tamén unha homenaxe aos participantes de maior idade. Carmen Mareque Picón, de 94 anos, e Lino Rodríguez Salgado, de 92, recibiron cadanseu diploma acreditativo ademais de ser arroupados por un afectuoso aplauso por parte do numeroso público.
O rexedor agradeceu a todos os asistentes a súa participación, un ano máis, nesta cita. “Sen vós non sería posible o éxito desta cita. Queremos que gocedes dunha xornada de lecer, de encontro e de disfrute”, afirmou.
A celebración contou tamén co sorteo dunha vintena de agasallos entre os participantes. Estes foron aportados por SBC Gasolineras e El Corte Inglés, que colaboraron no desenvolvemento da iniciativa. Entre os presentes sorteados atopáronse varios pequenos electrodomésticos.