O Pleno de Boqueixón aprobará no pleno ordinario que se celebrará hoxe ás 20.30 horas unha modificación de crédito por preto de 500.000 euros. Segundo explica o alcalde, Manuel Fernández Munín, “decidimos utilizar parte do superátiv do 2017 para poder levar a cabo varias actuacións que mellorarán a calidade de vida da nosa veciñanza. Todo isto é posible grazas á boa xestión ecónomica levada a cabo polo goberno municipal nestes anos”.
Así, aprobarase a incorporación ao orzamento deste ano dun total de 484.765,40 euros que se destinarán a unha decena de actuacións. Estas centraranse tanto nas melloras de instalacións deportivas municipais, así como das infraestruturas viarias. Reservaranse tamén partidas para a adquisición dun camión de recollida de residuos (por 145.000 euros), e para a compra e instalación de equipamento informático (10.653,63 €).
No tocante ás infraestruturas, aprobouse un proxecto integral de habilitación de sinalización horizontal nas vías municipais, que conta cun orzamento de 119.854,74 euros. Esta iniciativa desenvolverase con fondos propios.
Darase luz verde, ademais, ás partidas correspondentes a proxectos cofinanciados pola Xunta de Galicia e a Deputación de A Coruña. Dende o Concello aportaranse máis de 85.000 € para a construción dunha senda peonil para a seguridade viaria en Lamas; para unha actuación de saneamento na parroquia de Gastrar; para o proxecto para o aglomerado da pista desde o pavillón de Lestedo á estrada vella de Milleirós, e para a mellora do polideportivo de Lestedo.
Por outra banda, aprobaranse varias actuacións de optimización nas instalacións deportivas. Así, un dos proxectos contempla arranxos de pistas polideportivas de Deseiro, Camporrapado, Codeso e Loureda (por un custo de 80.593,37 euros). Habilítase tamén unha partida de preto de 40.000 euros para levar a cabo a reparación das deficiencias na piscina municipal.
O superávit do 2017 do Concello de Boqueixón ascende a 852.760,97 euros, dos cales 484.765,40 se destinarán desenvolver todos estes proxectos. O rexedor boqueixanés amouse moi satisfeito por contar con fondos propios para desenvolver “unhas actuacións necesarias para mellorar as infraestruturas e servizos do noso municipio”.