A Casa da Cultura de Camporrapado acolleu onte a gran estrea da obra Urxencias, representada polo Club de Maiores de Boqueixón. Máis de 200 persoas –que recolleron previamente a súa invitación na Casa do Concello- encheron o salón de actos para asistiren á posta en escena desta peza cómica na que participaron un total de 25 actores e actrices afeccionados. A maior deles é unha veciña de 92 anos.
Urxencias é unha obra que, a través da parodia, recrea as situacións que se viven nunha sala de urxencias dun hospital moi peculiar. O texto está baseado en parte na obra de Suso de Toro Servizo de Urxencias. A coordinación técnica desta peza correu a cargo de Arelar.
Para a posta en escena desta representación os membros do Club de Maiores traballaron arreo durante un ano enteiro. Uns esforzos que se viron recompensados polos fortes aplausos de todos os asistentes á estrea.
Ante o éxito rotundo deste primeiro pase da obra Urxencias, ofrecerase unha segunda función. Terá lugar o próximo 6 de maio ás 18.00 horas na Casa da Cultura de Camporrapado. Por motivos de aforo, é preciso retirar as invitacións previamente no Departamento de Cultura do Concello de Boqueixón.