O Concello de Boqueixón vén de rematar as obras de reforma acometidas na Casa da Cultura de Camporrapado. Esta reforma do edificio foi posible grazas a unha inversión de arredor de 20.000 euros procedentes de fondos propios do Concello. “Ademais de mudar todo o pavimento, teitos e carpintería e de mellorar o soto, realizamos unha importante reforma no primeiro andar do edificio”, explica o alcalde boqueixonés, Manuel Fernández Munín.
Esta consistiu na habilitación dunha aula que cumpre coas condicións precisas para impartir cursos de formación homologada, tras derrubar un dos tabiques e adecuando a superficie dispoñible. “Con esta actuación, case duplicamos o número de prazas que tiña o espazo ata o de agora”, asegura Fernández Munín, quen agarda que este centro “sirva para potenciar as iniciativas de formación para os nosos veciños e veciñas”.
A actuación na Casa da Cultura de Camporrapado tamén incluíu unha reforma no andar térreo, onde se aplicaron os acabados na sala de instalacións. Ademais, substituíuse o antigo pavimento –deteriorado polo grande tráfico de usuarios que soporta este centro- por un novo acabado de tarima flotante de madeira. “Deste xeito, contamos cunha renovada infraestrutura acorde coa ampla oferta cultural e social do noso Concello, ao tempo que pretendemos fomentar un meirande uso das instalacións fomentando a posta en marcha de meirande número de iniciativas formativas”, conclúe o alcalde de Boqueixón.