Máis de 200 rapazas e rapaces de entre 3 e 12 anos acudiron onte ao pavillón polideportivo de O Forte para participaren no III Campionato de Judo do Concello de Boqueixón. Unha cita que contou coa presenza da concelleira de Educación, Cultura e Deportes, María del Carmen Botana, e do edil de Formación, Emprego, Turismo e Desenvolvemento Local, Alejandro Bermúdez, quenes se encargaron de presidir a entrega de galardóns.
Unha quincena de clubes da bisbarra déronse cita nesta competición. Estes foron os composteláns San Lázaro, Compañía de María, López Ferreiro, Divino Maestro, Apóstolo Santiago e CAMM Santiago; os amienses de Barouta, Bertamiráns e Milladoiro; os teenses A Ramallosa, Souto de Vea e San Francisco de Teo, aos que se sumaron os clubes de Rois, Vedra e Boqueixón.
O campionato non contou cunha clasificación oficial como tal, xa que se enfoca máis á formación. Esta competición serve, polo tanto, “para que adestradores e mestres dos nenos e nenas midan a evolución de cara aos cambios de cinturóns, ao tempo que os alumnos e alumnas aprendan a competir e lle perdan o medo a actuar con público”, explican dende o Departamento de Deportes.
Así, esta competición tamén servíu para que os cativos e cativas “visen recompensada a súa evolución nos entrenos diarios, podendo demostrar no tatami as habilidades e coñecementos adquiridos co seu esforzo e adicación”. Neste senso, o Concello de Boqueixón sempre apostou por incluír nas súas Escolas Deportivas municipais o Judo, polo seu valor educativo e de formación do alumnado das mesmas.
Velaquí deixamos outras fotos do III Campionato de Judo do Concello de Boqueixón.