O Concello de Boqueixón vén de abrir o prazo de inscrición para a súa oferta da Acción de Verán 2018. Desenvolvido de xeito conxunto con Vedra, este plan contempla tres campamentos estivais: o infantil (nados/as de 2006 a 2009, ambos inclusive), o xuvenil (nados/as de 2002 a 2005, ambos inclusive) e o Recreando (nados/as entre 2000 e 2004, ambos inclusive). Nos dous primeiros casos, o prazo de solicitude estará aberto ata o 27 de abril, mentres que no campamento Recreando esténdese ata o 20 de abril.
Os campamentos dirixidos á poboación infantil e xuvenil desenvolveranse nas instalacións de O Terrón (Vilanova de Arousa) do 1 ao 8 de xullo. O primeiro grupo aloxarase en apartamentos e o segundo estará en bungalows. O prezo de cada unha destas actividades é de 185 euros.
Para a mocidade nada de 2000 a 2004, ofértase o campamento Recreando. Este contempla unha viaxe do 8 ao 15 de xullo. Os participantes pasarán 3 días enSalou (cunha visita a Port Aventura) e 4 no campamento Benicarló. A actividade ten un custo de 165 euros. O prezo non inclúe nin vóo nin entrada ao parque de PortAventura.
Dende o Concello de Boqueixón organizarase o próximo martes 10 de abril unha reunión informativa sobre o campamento Recreando. Desenvolverase no local social de Lestedo ás 20.00 horas.
Inscricións
As inscricións deberán realizarse no Departamento de Cultura de Boqueixón. Para máis información, pódese chamar ao teléfono 981 513 115 ou enviar un correo electrónico a cultura@boqueixon.gal.
Para formalizar as inscricións para os campamentos da Acción de Verán’18 cómpre presentar a ficha de inscrición (dispoñible aquí) e o resgardo de pagamento, ata 10 días antes da actividade. O ingreso debe realizarse na conta do Concello de Vedra de ABanca ES44 2080 0330 1731 1000 0020. En caso de non entregar o xustificante de ingreso, procederase á baixa automática na actividade.
As prazas son limitadas e sempre terán preferencia os mozos e mozas empadroados. Ademais, contémplanse descontos nos campamentos infantil e xuvenil para o segundo fillo que se inscriba na mesma actividade (25%), para o terceiro fillo (50%) e para o cuarto fillo (de balde).