O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e o concelleiro de Servizos Xerais, Seguridade e Medio Ambiente, Jesús Sanjuás, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, na sede da institución provincial. Un encontro no que abordaron diversas cuestións relativas á rede de estradas provinciais que discorren polo municipio e na que o alcalde aproveitou para solicitar a execución dunha nova senda peonil “entre dúas aldeas da parroquia de Boqueixón e que beneficiaría directamente a máis de 300 persoas”.
O presidente provincial anunciou ao alcalde que en breve se adxudicarán as obras de mellora da seguridade viaria da DP 1201, que contan cun orzamento de licitación de 131.172,47 euros e que suporán unha mellora significativa da visibilidade nunha intersección perigosa, preto dun cambio de rasante.
Os traballos levaranse a cabo no tramo de 260 metros que vai do PQ 2+100 ao 2+360 e consistirán na execución dun novo enlace coa estrada municipal que da acceso ao lugar de O Forte (un camiño moi transitado pois nesta zona concéntranse múltiples servizos como o Concello, o centro de saúde, o colexio e o campo de fútbol) e a anulación de dous tramos en desuso da estrada provincial.
Nova senda peonil
Pola súa banda, o rexedor de Boqueixón agradeceu a boa disposición do presidente provincial e aproveitou para presentarlle un proxecto para a construción dunha nova senda peonil nesta estrada, que dará servizo aos núcleos de poboación próximos. O proxecto será adaptado e remitido ao servizo de Vías e Obras para o seu estudo.
Fernández Munín explica que “é unha senda peonil que uniría dúas aldeas da parroquia de Boqueixón, onde beneficiaría directamente a máis de trescentos veciños e veciñas pero tamén a moita máis xente, xa que é unha zona de moito tránsito xa que aló están o campo da festa e a igrexa”. Un proxecto orzamentado inicialmente en algo máis de 290.000 euros.