A Escola Infantil Raíña Lupa de Boqueixón abrirá o 1 de abril o prazo de solicitudes para novos ingresos ou renovacións de praza. Os veciños e veciñas terán ata o 30 de abril para cumprimentar e entregar a documentación precisa.
Para optar ás prazas, os solicitantes deben estar empradoados no termo municipal. A idade mínima é de 3 meses na data de ingreso e a máxima é de menos de 3 anos a 31 de decembro de 2018.
A documentación a achegar coa solicitude é a seguinte:
- Fotocopia compulsada do libro de familia e do DNI da nai/pai, titora ou titor.
- Certificado de empradoamento e convivencia.
- Última declaración do IRPF (2016) ou certificación negativa de Facenda de non tela presentada, e se é o caso, certificación de prestación económica para desempregados do INEM.
- Última nómina e, se é posible, contratos de traballo. No caso de ser autónomo, fotocopia do último recibo de pago do banco.
- Nos casos de deficiencias ou enfermidades alegadas polos membros da unidade familiar, certificado médico acreditativo.
- No caso de minusvalías físicas, psíquicas ou sensoriais, informe do grao de minusvalía, así como da necesidade de integración.
- Documentación acreditativa de incidencias (separación, abandono do fogar, etc.).
- Informe de Servizos Sociais nos supostos que sexan necesarios.
A solicitude e a documentación deberán entregarse no Departamento de Servizos Sociais do Concello. Para máis información, pódese chamar ao teléfono 981 513 106.