A Biblioteca Municipal de Boqueixón, en colaboración coa Fundación Xosé Neira Vilas e o CPI Antonio Orza Couto, vén de convocar o V Certame de Relatos ‘Xosé Neira Vilas’. O obxectivo desta iniciativa é potenciar a lectura e a creatividade literaria entre o estudantado, ademais de fomentar valores como a liberdade, o respecto e a tolerancia.
O concurso está dirixido a alumnos e alumnas de Boqueixón e dos centros educativos do concello de Boqueixón dende 3º de Primaria e para toda Secundaria. A admisión de traballos finalizará o próximo 20 de abril e deberanse entregar nas instalacións da biblioteca municipal.
Dacordo coas bases deste certame, cada alumno ou alumna poderá presentar un único traballo, de temática libre. Para garantir o anonimato, o relato irá identificado co número que cada estudante ten na clase acompañado do curso ao que pertence. Tamén se poderá presentar a proposta nun sobre pechado e grampado a ela un documento no que figurarán os datos do/a autor/a (nome e apelidos, idade, curso e teléfono de contacto).
Establécense tres categorías: escolares de 3º e 4º de Educación Primaria; alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria, e estudantado de Educación Secundaria. Para participar neste certame, os relatos deberán ter unha extensión mínima de 20 liñas para os/as participantes da primeira e segunda categorías e de 30 liñas no caso da terceira.
A temática será totalmente libre. Os traballos serán propios e inéditos, escritos a ordenador ou a man –con letra lexible-. O texto será íntegramente en galego e debe conter unha historia orixinal –real ou ficticia- puidendo incluír ilustracións.
Xurado e premios
Unha vez rematado o prazo de entrega de propostas -20 de abril-, o xurado do concurso –composto por un representante da Fundación Neira Vilas, un representante do CPI Antonio Orza Couto e a bibliotecaria do Concello- procederá á valoración dos relatos. O seu fallo farase público na primeira semana de maio a través da web municipal e notificarase individualmente aos vencedores ou vencedoras de cada categoría.
A entrega de galardóns realizarase no salón de actos do CPI Antonio Orza Couto dentro da programación co gaio das Letras Galegas. Repartiranse un total de 750 euros en libros entre os gañadores e as gañadoras. Cada categoría contará con tres premios, que serán os seguintes:
- 1º Premio: diploma, vale de 100 € en libros e un libro editado
- 2º Premio: diploma, vale de 75 € en libro e un libro editado
- 3º Premio: diploma, vale de 75 € en libro e un libro editado
Dende o Concello de Boqueixón animan á mocidade a participar nesta quinta edición do Certame de Relatos Xosé Neira Vilas. O concurso recibiu na súa pasada edición máis de 80 traballos.
Adxuntos
- V CONCURSO DE RELATOS (968 kB)
- V CONCURSO DE RELATOS (968 kB)
- V CONCURSO DE RELATOS (968 kB)
- V CONCURSO DE RELATOS (968 kB)