As Filloas de Lestedo estarán presentes mañá na xornada Filloas e Viño no Camiño, que se desenvolverá no Salón Obradoiro do Hostal dos Reis Católicos, en Santiago. Esta iniciativa, organizada polo GDR Terras de Compostela -no que está integrado o Concello de Boqueixón- ten como principal obxectivo a creación de sinerxias entre os diferentes actores socioeconómicos para poñer en valor tanto o sector agroalimentario como o turístico dun territorio que cada ano visitan centos de miles de pelegríns e turistas, tendo o Camiño de Santiago coma elemento dinamizador da cultura, da economía e do turismo.
Esta xornada, dirixida a profesionais do sector e prescriptores, pretende amosar o potencial da gastronomía do territorio a través de diversas propostas que se desenvolverán durante toda a mañá. Tamén se aproveitará a ocasión para presentar o programa da 15ª Festa da Filloa da Pedra da Baña, que se celebrará o próximo 11 de marzo, e a 38ª Festa do Viño da Ulla, que terá lugar o 8 de abril na parroquia vedresa de San Miguel de Sarandón.
O programa de actos é o seguinte:
- 09.30 horas: Presentación da xornada a cargo de Carlos Martínez Carrillo, presidente do GDR Asociación Terras de Compostela e alcalde de Vedra; Mónica Tomé Rey, da Asociación de Filloas da Pedra da Baña; Pascual Villaverde Núñez, da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, e Miriam Fernández Neira, da comisión organizadora da Festa do Viño da Ulla.
- 10.15 horas. Manuel Vilar Álvarez, historiador e membro do equipo redactora da Delimitación do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía, impartirá a conferencia titulada Camiños de Santiago: mostrando o local para estar no global.
- 10.45 horas. Juan José Figueroa Treus, director técnico e titor do Curso Superior de Sumiller Profesional (Instituto Galego do Viño) e copropietario da viñoteca Lume de Carozo, ofrecerá a ponencia titulada O viño no Camiño de Santiago.
- 11.30 horas. Showcooking con Pepe Solla, membro fundador do Grupo Nove e chef e propietario do restaurante Pepe Solla. O restaurador elaborará varios pratos potenciando a maridaxe das filloas con outros ingredientes da gastronomía galega.
- 12.30 horas. Degustación e elaboración en vivo de Filloas da Pedra da Baña e Filloas de Lestedo. Presentación da Festa da Filloa da Pedra da Baña e da Festa do Viño da Ulla.
A degustación a base de filloas da Baña e de Lestedo harmonizarase cos viños da D.O. Rías Baixas da subzona Ribeira da Ulla. Estos serán os protagonistas da Exaltación do Viño da Ulla do próximo mes de abril.