O día 31 de maio de 2017, o Pico Sacro acolleu o IV Encontro da Fraternidade do Dragal.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, organizou xunto co Concello de Boqueixón e coa colaboración de Ramsa, a cuarta xornada de convivencia entre as/os 313 alumnas e alumnos dos seguintes centros: o IES Antonio Fraguas, de Santiago de Compostela, o IES Maximino Romero de Lema, de Baio-Zas, o CPI de Castroverde, o IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, IES Marco do Camballón, de Vila de Cruces e o CPI Aurelio Marcelino Rey García, de Cuntis.
Ademais, poderán gozar unha vez máis da presenza de Elena Gallego Abad, a autora da obra Dragal, na que se basea o programa. Así mesmo, acompañaranos ese día o actor e contador de contos César Cambeiro e o filólogo Vicente Feijoo (especialista responsable de toponimia no Seminario de Onomástica da RAG), que impartiron obradoiros nos centros durante este curso.
Ao longo da mañá, os cabaleiros e doncelas da Fraternidade do Dragal, convenientemente caracterizados, participarán nun xogo de rol en vivo que contará cunha serie de probas e retos (de toponimia, de habilidade e de regueifa). Iniciarase co recibimento de Cesar Cambeiro na Capela do Pico Sacro (que lle contará a cada grupo as lendas que rodean este lugar máxico) e rematará na Igrexa de Lestedo.