PROXECCIÓN “VIDA, MÁIS CA VIDA”
Domingo, 13 de maio, ás 18:30 na Casa da Cultura de Camporrapado
Boqueixón acolle esta iniciativa que presenta dúas obras de Rubén Riós. Trátase dunha acción que mestura o mundo audiovisual coa realidade social e cultural, creada para romper barreiras e estereotipos. Este proxecto supuxo un ano de ensaios co director do proxecto, Rubén Riós, ao carón dun colectivo de mozas e mozos con capacidades diferentes e con infinitas ganas de amosar ao mundo o que son capaces de facer. O traballo en equipo, o afán de superación, a solidariedade, o esforzo, a admiración…, son algúns dos valores que poderemos apreciar neste proxecto.
Que inclúe?…
- O documental “Máis ca vida”: recolle testemuñas reais do día a día do mundo que rodea a estas persoas con diversidade funcional. Duración: 50 minutos.
- A curtametraxe “ Vida”: unha mestura de arte, entretemento e comunicación que se converte na primeira experiencia audiovisual realizada por este colectivo, entrelazado cun elenco artístico de primeira categoría como Javier Gutiérrez, Cristina Castaño, Mariana Carballal, Estíbaliz Veiga, María Mera e Luis Iglesia, entre outros. Duración: 17 minutos
- Charla e rolda de preguntas co director e os protagonistas da curtametraxe.