A Consellería de Política Social ofrece a posibilidade de que a xuventude galega empregue o seu tempo libre estival participando en actividades de educación non formal moi diversas: de carácter cultural, ambiental, deportivo, de tempo libre, de voluntariado… que sirvan non só para divertirse, senón tamén para o seu enriquecemento persoal e vital.
A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado pretende facer realidade este obxectivo a través da Campaña de verán 2017.
Así mesmo, en aplicación do principio de transversalidade das políticas en materia de discapacidade e co obxectivo de que a inclusión social sexa unha realidade ao tempo que se favorece a interacción e a convivencia entre toda a mocidade, na presente Campaña de verán, as mozas e mozos galegos con discapacidade, en función das limitacións que presenten, poderán decidir sobre a modalidade de participación á que desexan optar: polo procedemento xeral ou polo procedemento das prazas reservadas de inclusión.
A Campaña de verán está composta por diferentes áreas de participación, que se desenvolven nos meses de xullo e agosto, tanto en Galicia coma noutras comunidades autónomas e no estranxeiro.
ÁREAS DE PARTICIPACIÓN
Son unha forma diferente e divertida de pasar as vacacións estivais.
As diferentes actividades que integran esta programación levaranse a cabo en diversas quendas de entre oito e doce días de duración durante os meses de xullo e agosto.
Podes escoller o campamento que queiras en función da túa idade e das actividades que se leven a cabo nel: actividades de diversa temática en función do campamento (náutica, deportiva, ambiental, artística, patrimonial vinculada ao o Camiño de Santiago, científica, agrícola…) Só tes que animarte a participar!
Os campos de traballo son actividades encamiñadas a favorecer e fomentar a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade entre a mocidade e o seu contorno, a través da colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos que se levan a cabo en todas as comunidades autónomas e en distintos países, baixo o patrocinio, control ou organización de entidades e organismos oficiais, asociacións xuvenís, culturais, humanitarias etc.
Actividades e programas de lecer e tempo libre para mozos e mozas de 18 a 30 anos.
OFERTA CONCERTADA (Só para entidades ou grupos non asociados)
A Consellería de Política Social é consciente de que as asociacións xuvenís e as entidades que realizan actividades para a xuventude non sempre dispoñen dos medios e instalacións axeitadas para a execución do seu traballo. En consecuencia, co obxecto de facilitar á mocidade o acceso a instalacións xuvenís para o desenvolvemento de programas de lecer e tempo libre, sen ánimo de lucro, regula a través desta orde, e baixo a denominación de oferta concertada, o réxime de utilización das súas instalacións xuvenís durante a campaña de verán 2017.
A través da Oferta Concertada, a Consellería Política Social oferta o uso de instalacións xuvenís durante o período comprendido entre o 15 de xuño e o 30 de setembro.
Máis información no Dpto. de xuventude do Concello de Boqueixón ou no seguinte enlace http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran
Adxuntos
- FOLLETO MAIORES_18_ANOS (353 kB)
- FOLLETO MAIORES_18_ANOS (353 kB)
- FOLLETO_CAMPAM_DEF (996 kB)
- FOLLETO_CAMPAM_DEF (996 kB)
- FOLLETO_CAMPAM_DEF (996 kB)
- FOLLETO MAIORES_18_ANOS (353 kB)
- FOLLETO_CAMPAM_DEF (996 kB)
- FOLLETO MAIORES_18_ANOS (353 kB)