O Concello de Boqueixón en colaboración coa Deputación da Coruña ven de inaugurar a exposición O Pico Sacro no Códice Calixtino, actuación enmarcada dentro do Plan Estratéxico de Promoción Turística de Boqueixón.
Esta exposición de carácter permanente, conta con 14 reproducións das páxinas do Códice Calixtino ubicado no Arquivo Bibliotecario da Catedral de Santiago de Compostela, xunto coas traducións en castelán e galego, onde se recolle a Lenda da Raíña Lupa no Pico Sacro, é dicir, a lenda da Traslación do Corpo do Apóstolo, onde se relata o paso polo Pico e os máxicos acontecementos que alí tiveron lugar.
O acto, aberto á poboación en xeral, contou coa presenza do alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, co Director do Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela, Francisco Buide del Real e co Delegado Territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro Tato e estivo amenizado polo grupo de música clásica Campo de Estrellas.
O lugar elexido para albergar a exposición é o Centro de Interpretación do Pico Sacro ubicado no lugar de Cachosenande na parroquia de Lestedo. Todos os interesados en visitar a exposición deben solicitar previa cita no teléfono do Concello de Boqueixón 981513061 ou na web lab.mcapps.es/pico-sacro/centro-de-interpretacion/