CoidarNos, o programa de apoio a persoas coidadoras de familiares en situación de dependencia que deselvolve o Concello de Boqueixón, será presentado na IV Conferencia Nacional del Paciente Activo, que acolle o Palacio de Congresos da cidade de Oviedo o vindeiro 4 de marzo. CoidarNos foi seleccionado para formar parte da sesión de comunicacións de experiencias desta conferencia e, así mesmo, estará presente no IX Congreso Nacional de Atención Sanitaria al Paciente Crónico, a través dun póster no que se describen os obxectivos e características do programa, que estará exposto os tres días de duración do congreso, celebrado nas mesmas instalacións da cidade asturiana.
Nado en maio de 2016, o programa ten desenvolvido ata o momento 9 sesións nas que o obxectivo fundamental é satisfacer as necesidades emocionais derivadas do exercicio do rol de coidadora habitual.
A traballadora social, Ana Anta Fernández, e a psicóloga, Yolanda Neira Cristobo, promotoras e coordinadoras do programa, expoñerán en Oviedo as características deste e as conclusións profesionais extraídas nos 9 meses que leva funcionando este grupo de apoio, entre as que destacan o efecto terapéutico da interacción grupal entre persoas que están a vivir unha mesma situación.