Ovidio Rodeiro destaca que esta é a segunda baixada de tributos locais desta lexislatura tras a redución do ICIO en decembro
O pleno municipal de Boqueixón aprobou modificar a ordenanza fiscal reguladora do Imposto de Bens Inmobles (IBI), co obxectivo de reducir o coeficiente de tributación sobre o valor catastral das edificacións das explotacións agrarias, gandeiras e forestais en solo rústico, que pasan do tipo actual do 0,44% ata un 0,3% nos orzamentos de 2017.
Con esta medida preténdese beneficiar ao sector primario, de gran importancia na economía do municipio, e garantir que as explotacións agrarias, gandeiras e forestais desenvolvan a súa actividade dentro dun marco de competitividade e crecemento. Boqueixón conta con 3.200 hectáreas de masa forestal e 1.800 destinadas á produción agropecuaria.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, sinala que esta é a segunda baixada de tributos locais nesta lexislatura, xa que no pleno do pasado mes de decembro o concello aprobou unha modificación da ordenanza fiscal que regula o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) para baixar o gravame desta taxa do 2,5% ata o 1,9% que rexe na actualidade.