O Concello de Boqueixón acolle a exposición ‘As pontes do río Ulla’. Esta mostra que está percorrendo todos os concellos bañados polo río -dezanove en total- e participantes no programa Goza do Ulla, poderase visitar no concello dende o 25 de maio ata o 10 de xuño.
A Asociación Raiceiros estivo traballando en 2012 e 2013 neste proxecto, que xa deu como froito un libro. A mostra é complementaria do libro e amosa en 16 paneis dun xeito máis resumido imaxes e información sobre as máis de setenta pontes, pontellas e pasos que cruzan o río Ulla desde o seu nacemento en Olveda (Antas de Ulla) ata o viaduto do tren de alta velocidade entre Catoira e Rianxo.
O río Ulla é o segundo curso fluvial galego en extensión. Nace en Olveda e desemboca no océano Atlántico a través da ría de Arousa, tras percorrer máis de cen quilómetros por Galicia adiante. Os seus afluentes máis importantes son o Deza, o Arnego, o Sar e o Iso. Ten unha conca de 2.804 quilómetros cadrados, a segunda máis importante de Galicia despois da do río Miño, e no seu curso medio encóntrase o encoro de Portodemouros. Salmón, troita, anguía e lamprea son algunhas das especies piscícolas máis importantes que viven nas súas augas.
É todo un símbolo paisaxístico, cultural e económico para o país e moitas pontes que o cruzan atesouran séculos de historia nas súas pedras. Unha inscrición en latín do ano 862 é o resto máis antigo dunha ponte sobre o Ulla que se puido atopar ata o de agora: trátase dun texto gravado nunha pedra na que se conmemoraba a apertura da Ponte Mourazos, entre Santiso e Agolada, e que hoxe en día só se pode ver cando o río leva pouca auga. A ponte máis recente é a do AVE entre Catoira e Rianxo. Este viaduto, aínda en construción, ten 60 metros de altura e 1.620 metros de lonxitude para atravesar o Ulla.
‘As pontes do río Ulla. Natureza e cultura’ constitúe un soporte indeleble que axuda á valorización do río como un recurso natural, social, cultural e turístico. Promóvese así a preservación do seu valor para as vindeiras xeracións.