Un ano máis, ponse en marcha a sexta edición do proxecto “GOZA DO ULLA”. Trátase dun programa de sendeirismo no que actualmente participan 20 concellos bañados polo río Ulla : Palas de Rei, Monterroso, Antas de Ulla, Santiso, Agolada, Arzúa, Vila de Cruces, Silleda, Touro, Boqueixón, A Estrada, Vedra, Teo, Padrón, Pontecesures, Valga, Catoira, Dodro, Rianxo e Vilagarcía de Arousa, que pretende dar a coñecer, a través de roteiros de sendeirismo que se realizan en cada un destes concellos, o valioso patrimonio natural, cultural, arqueolóxico e paisaxístico dos territorios citados.
O comenzo do programa será o domingo 5 de xuño co roteiro de Antas de Ulla e rematará o 23 de setembro co “Roteiro Cira- Gres” de Silleda- Vila de Cruces. No folleto e cartel informativo recóllense os roteiros que se realizarán en cada concello participante.
O Concello de Boqueixón organiza para o 26 de xuño o “Roteiro de Pescadores e Río Grande”. Un roteiro de 9,6 km aprox. saíndo ás 10:30h. e con chegada aprox. á 14:00h.
O punto de encontro é Capela de San Paio (Codeso) onde deixaremos os coches e un autobús nos levará ó inicio do roteiro.
O punto de partida da andaina é Ponte Ledesma, un núcleo poboacional cun conxunto etnográfico moi importante: Igrexa de Sta. Mariña, a Ponte Vella de Ledesma e as Ínsuas de Gres sobre o Ulla. Partindo de ahí percorreremos un tramo de estrada ata enlazar co roteiro dos Pescadores, tramo de Rede Natura 2000, un espazo natural protexido. É unha fermosa senda propia dos pescadores cunhas vistas de gran beleza.
Seguiremos polo roteiro do río Grande que nos vai levar á Capela de San Paio en Codeso, enclave natural e arquitectónico de impresionante beleza, onde se pode desfrutar do río Pontillón que desembocará máis adiante no Ulla e dunha fervenza de 7m. de altura.
Aquí finalizaremos a andaina, na Romería do San Paio que se festexa ese mesmo día, onde poderemos descansar e desfrutar coa música de grupos tradicionais.