O Concello de Boqueixón, dende o seu departamento de turismo, ofrece a visitantes unha completa xornada de ocio, historia e gastronomía co gallo da celebración dunha das manifestacións culturais con maior arraigo na comarca, o XLIII Tradicional Desfile de Carrozas do San Cidre, que se celebrará o domingo 15 de maio na parroquia de Oural (Boqueixón).
A orixe do desfile de carrozas ten lugar fai décadas cando, un grupo de veciños de Oural- Camporrapado, decidiron organizar na honra ó patrón dos labregos, unha mostra das distintas tarefas relacionadas cos seus traballos diarios. Mostras que se instalaban en carros tirados por vacas e que foron evolucionando ata o día de hoxe que están movidas por vehículos a motor.
Toda a festa está íntimamente ligada á gastronomía tradicional (posto que cada carroza fai unha degustación de produtos típicos a cambio dun donativo económico simbólico) e o folkclore galego.
A xornada complétase con dúas visitas imprescindibles en Boqueixón:
- Pico Sacro (Lestedo): un dos montes máis míticos e coñecidos de Galicia. O Pico Sacro é unha fonte de innumerables lendas e contos populares. Ten unha importante relación coa cultura Xacobea posto que, segundo a lenda da Raíña Lupa recollida no Códice Calixtino, que narra a chegada do corpo do Apóstolo Santiago a Galicia, catalógase como a primeira tumba do Apóstolo.
- Ponte Ledesma (Ledesma):Unha fermosa ponte do século XVI ou XVII de nove arcos, atravesa o Ulla no que era o antigo camiño real de Santiago a Lugo. Foi o escenariod unha batalla durante a Guerra da Independencia contra o exército de Napoleón. Na que un dos exércitos máis poderosos do mundo, foi vencido por veciños da zona liderados por un párroco. Nesta zona o Ulla forma as Illas de Gres, illas naturais que conforman xunto coa ponte un espazo natural de increíble beleza paisaxística e importancia histórica.
As visitas guiadas a estes dous enclaves turísticos do municpio son gratuítas, e concertaranse previamente ó 12 de maio no dpto. de Turismo do concello de Boqueixón ou no teléfono 981 513 061.