Un ano máis, e xa van pola sexta edición, os nosos amigos e veciños están a organizar para o día 18 de xuño, a Ruta do colesterol, a cal se está a converter nun referente no mundo das andainas polo aproveitamento ao máximo dos recursos que a orografía do noso municipio ofrece.
Trátase dunha proba de fondo de 50km que transcorrerá por camiños non asfaltados na súa inmensa maioría e que será valedeira para o Campionato Galego de Andainas de 50km.
A ruta ofrece unha viaxe polo Boqueixón máis natural e enxebre…fervenzas situadas nos lugares máis recónditos do noso municipio, antigas casas señoriais, sendeiros a carón dos nosos ríos, pontes romanas, árbores centenarias con milleiros de historias, montes encantados, vistas espectaculares a Compostela…e ademáis nesta edición contarase con máis de 25 km de sendas e camiños inéditos que non foron empregados ata o de agora.
Como NOVIDADE nesta edición, implantarán unha nova modalidade durante os primeiros 25 km, xa que todos aqueles que non desexen completar a totalidade da proba terán a posibilidade de facer os primeiros 10, 18 ou 25 km cuns márxenes de tempo extra, de maneira que poidan disfrutar do percorrido sen as esixencias de tempo requeridas para o resto dos participantes.
Toda a información en www.rutadocolesterol.com