A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, presentaron hoxe en Boqueixón o proxecto de construción de 2 novas sendas seguras e sustentables para o municipio.
Este plan de actuación ten como obxecto a construción dun itinerario peonil seguro e accesible na AC – 960 entre A Susana – Polígono Industrial cunha lonxitude de 800m. e entre A Susana – A Eirexe con 1.100m. de lonxitude.
A conselleira destacou que estas actuacións proporcionarán aos veciños de Boqueixón, sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe para realizar os seus itinerarios habituais. Neste sentido, salientou os beneficios que terán para as persoas, ao velar pola súa seguridade e tratar de fomentar hábitos máis saudables; as vilas, supoñendo menor conxestión de vehículos; e para o medio, significando menos contaminación.
Na súa intervención, Rodeiro salientou que no tramo que se actuará “localízanse un elevado número de vivendas, negocios e edificios públicos”, o que ocasiona un significativo tránsito de peóns que actualmente circula pola beiravía. Neste sentido, as accións proxectadas mellorarán a súa seguridade viaria, fixándose como punto básico a construción dun itinerario co fin de separar o tráfico rodado do peonil.
Esta actuación conta para o seu investimento cun presuposto de preto de 400.000€.
Na presentación do proxecto, a conselleira tamén avanzou que dende a súa consellería se van a destinar preto de 435.000€ ao reforzo de firme e mellora de drenaxe na estrada AC-960 que une A Susana con Vila de Cruces e á reposición de firme localizado na AC-261 que une Lamas con Ponte Marzán (Aríns).