O certame “Balbino” de relatos, pretende ser un estímulo para todas as persoas que queiran participar na promoción e difusión de Galicia e da nosa cultura, contando cunha periocidade anual e unha temática sempre vinculada as nosas tradicións, coa nosa xente, cos nosos costumes, co noso xeito de vida, coas nosas raíces…
Este concurso promovido pola empresa Técnicas & Gramaxe, SL conta coa conformidade da Fundación Xosé Neira Vilas e a colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Consellería de Cultura, a Deputación de Pontevedra e os Concellos de Vila de Cruces e Boqueixón.
O prazo para a presentación de traballos xa está aberto. Cómpre que as obras estean escritas en galego e a motivación temática das mesmas será ‘O rural galego’, con vivencias directas ou indirectas do eido rural da nosa terra.
Os textos, que han de ser orixinais e inéditos, presentarán unha extensión mínima de 120.000 caracteres con espazos e máxima de 180.000, e poderánse facer chegar por correo electrónico ou ordinario. O prazo de presentación dos traballos remata o 30 de xuño.
O vencedor do único premio obterá 1500€ e verá publicada a súa obra gañadora grazas a Edicións Fervenza. A entrega do premio está fixada no calendario para o vindeiro mes de setembro.
Para máis información, pódese consultar a web www.tecgrama.com ou escribir ao enderezo electrónico concursobalbino@gmail.com