Hai cousa de vinte anos que nacía Bo-queixo da man dunha familia de gandeiros de Boqueixón. Querían buscar un mellor aproveitamento para o seu leite e apostaron por sumarse ao sector queixeiro, que emerxía daquela en Galicia.
Aprenderon rápido, foilles ben e hai xa once anos que abandonaron a explotación para centrarse na queixería. Elaboran polo menos tres días á semana, unha cuba da que saen arredor de 130 quilos de queixo. Préstanlle unha especial atención ao manexo da masa. Comezan a cortala cando chega ao punto de callado xusto, e pícana máis ou menos ata que os fragmentos quedan do tamaño dunha améndoa.
Logo lávase para que acabe de soltar o soro. Faise con auga morna para que os fragmentos endurezan e vaian perdendo acidez, e é nestes primeiros traballos coa masa onde cren que está boa parte do segredo para facer un queixo de calidade.
Os queixos acaban de perder o soro nos moldes, que se poñen a escorrer na prensa unhas tres horas. Durante este tempo tamén van rebaixándolles a acidez e, cando chegan ao punto xusto, cortan esa perda meténdoos na cámara.
Aquí aínda pasarán un día máis nos moldes, para que logo manteñan mellor a forma.
Con todos eses coidados converten cada ano uns 185.000 litros de leite nuns 25.000 quilos de queixo, que distribúen directamente nos mercados máis próximos e teñen distribuidores por toda Galicia. Pensan aumentar un pouco a produción, o xusto para que lles permita seguir atendéndoa a eles, e notan que o mercado vai a máis.
Premendo na seguinte imaxe, poderás acceder ao programa Labranza da TVG no cal se lle rinde unha homenaxe o mellor queixo da Denominación de Orixe Protexida Arzúa Ulloa en 2015, o queixo de Boqueixón, Bo-queixo.