A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou na tarde de onte, nunha xuntanza con mozos e mozas do Concello de Boqueixón onde animou á xuventude a participar nos diferentes proxectos da Dirección Xeral como o programa de participación xuvenil Iniciativa Xove. Cecilia Vázquez definiu esta iniciativa como “unha escola de cidadanía activa, xa que permite que a xuventude galega poida organizar, emprender e impulsar actividades onde os actores principais son eles mesmos”. Ademais, a directora xeral destacou que con este programa “a Administración non lle di aos mozos e mozas o que teñen que facer, senón que lles pide propostas para despois apoialas”.
Cecilia Vázquez destacou a gran repercusión deste programa entre a mocidade da comarca de Santiago, xa que en 2015 foron un total de 19 as asociacións ou grupos informais que participaron en Iniciativa Xove, cun investimento de preto de 76.000 euros. Concretamente, os proxectos foron realizados en Santiago (12), Vedra (4), Teo, Ames e Boqueixón.
Iniciativa Xove permite sufragar ata o cen por cen das iniciativas e proxectos de interese presentados polos mozos e mozas, cun investimento máximo por cada actividade de 5.000 euros. Este ano o programa está previsto que se convoque no mes de marzo.
Todas as entidades e grupos aos que se lle concede a axuda e o solicitan, reciben un anticipo do 80% sobre o total da cantidade concedida. Isto permítelles financiar o proxecto sen ter que adiantar contías eles mesmos, o que evita que a posible falta de liquidez das persoas novas constitúa un impedimento para a posta en marcha das súas ideas.
Con esta liña de axudas preténdese fomentar a participación da mocidade, co propósito de estimular o seu espírito de protagonismo e liderado, a creatividade e o talento xuvenil e, sobre todo, permitir poñer en practica as súas ideas relacionadas co lecer, a comunicación e as novas tecnoloxías, así como ensaiar novas propostas relacionadas co emprendemento e a empregabilidade.