O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato visitou, na xornada de hoxe, a empresa de Roberto Miguelez e Ofelia Vieites, Viveiros Compostela, S.A.T, como medida de apoio ó sector empresarial.
Viveiros Compostela é unha empresa familiar fundada en 1985 dedicada á produción e comercialización de plantas de tempada. Conta cunha superficie total de 20.000 m², totalmente cubertos, automatizados e con calefacción, situada en Pousada-Camporrapado.
Trátase dunha empresa cuxa actividade principal é a produción e distribución propia a outros centros de xardinería, conta cun reparto semanal por todo Galicia. Pero tamén realizan venda directa ó público. Conta cunha plantilla de media aproximada de 18 traballadores e tamén acollen alumnos de centros de formación durante ó longo do ano.
Ovidio Rodeiro Tato recoñece que esta empresa é un referente na zona e quere abrir todas as vías de colaboración para desenvolver convenios de apoio á formación, ó emprego, e conseguir unha maior proxección e promoción local e exterior.