O alcalde de Boqueixón, xunto cos alcaldes de A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces, asinou onte no Pazo de Raxoi un Protocolo de Colaboración para reforzar a promoción conxunta do “Entroido Rural Tradicional da Ulla – Xenerais da Ulla”, que foi declarado Festa de Interese Turístico de Galicia en 2013. A sinatura deste documento amosa o compromiso dos oito Concellos en afondar na colaboración para a recuperación total desta festa tradicional e a súa consolidación como un atractivo turístico que poda aumentar a demanda en temporada baixa.
Este compromiso municipal conta tamén co respaldo tanto da Xunta como das Deputacións da Coruña e de Pontevedra, que neste ano aumentan as súas achegas ao novo Plan de Promoción do Entroido dos Xenerais da Ulla elaborado polos oito concellos. Dentro desta colaboración, un Xeneral da Ulla participará na presentación dos Entroidos tradicionais galegos que terá lugar en Fitur no stand de Galicia.
O Plan de Promoción Conxunta do Entroido dos Xenerais da Ulla márcase cinco obxectivos complementarios: Consolidar a recuperación de Entroido da Ulla como elemento singular do noso patrimonio cultural; Dinamizar o turismo do territorio coa posta en valor do Entroido como eixe vertebrador do mesmo, explotando a súa capacidade de atracción e converténdoo nun atractivo turístico de primeira orde nas data do Entroido galego; Desenvolver unha campaña de promoción conxunta; Facilitar un espazo de mostra, encontro e reflexión entorno ao Entroido da Ulla; Favorecer as situacións e actividades interxeracionais, culturais e etnográficas da zona, potenciando a interacción da poboación local cos visitantes.
Co obxectivo de complementar a oferta de ocio e tradición propia dos Xenerais da Ulla, dende o 2014 os Concellos organizan unha proposta gastronómica de temporada para vivir dun xeito integral o Entroido Tradicional, coa participación de múltiples establecementos. Tamén se ofertan paquetes gastronómicos de turismo rural, nos que se inclúen aloxamento e gastronomía así como outras actividades para descubrir a comarca. Neste ano farase un esforzo maior pola promoción deste programa, cunha maior e mellor distribución de folletos e a creación de identificadores para os establecementos participantes.
O Entroido da Ulla remonta as súa orixes a primeira metade do s. XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese século: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas. As personaxes máis importantes son os xenerais e correos a cabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun “exército” de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón.
Toda a información do Entroido dos Xenerais da Ulla pode consultarse en www.xeneraisdaulla.com e nas distintas contas que o grupo dos oito Concellos está impulsando nas principais redes sociais para promocionar o evento: Facebook, Twitter e Instagram.