• Esta é a segunda vez neste primeiro ano de lexislatura que se amortiza débeda, o que permitirá aforrar en intereses máis de 21.000€ ata 2028
• Tamén se modifica a ordenanza de expedición de documentos para que os veciños non paguen por compulsas ou certificados de empadroamento
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, proporá no Pleno ordinario que se celebrará mañá mércores ás 20:30 horas na Casa Consistorial amortizar o crédito que o Concello ten subscrito con Abanca cun total de 190.085,67 €, procedentes do plan de aforro e investimentos da Deputación. De ser aprobada, esta medida suporá deixar a débeda bancaria de Boqueixón en tan só 138.000 €.
Ovidio Rodeiro destaca que esta é a segunda vez que se reduce a débeda bancaria municipal dentro deste primeiro ano de lexislatura, xa que no mes de xuño amortizáronse outros 185.606,33 euros. Con estas medidas, o concello aforrará en xuros máis de 21.000€ euros ata 2028.
Por outra banda, o Pleno tamén debaterá sobre a proposta de modificación da ordenanza fiscal de expedición de documentos, que anula o prezo público dos certificados de empadroamento e das compulsas para os veciños, fixados na actualidade en 3 e 1€ respectivamente.
Nesta sesión o alcalde tamén proporá o nomeamento de varios funcionarios en diferentes responsabilidades administrativas, dentro do plan de reordenación e modernización do persoal municipal. Deste xeito, Juan Corral será o coordinador de Obras e servizos, Anselmo Caeiro ocupará o posto de Tesoureiro e Adela Lamela, que na actualidade é a secretaria da Mesa de Contratación, tamén pasará a asumir a Secretaria-Intervención en funcións en ausencia da titular deste posto, Elena Suárez.