A tradición dos Xenerais da Ulla conmemórase en máis de 21 lugares e parroquias de oito concellos que promoven un plan para a dinamización conxunta do seu entroido rural. A Deputación da Coruña, a través da súa área de Turismo, comprometeuse a impulsar esta manifestación tradicional.
A Estrada, Boqueixón, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces son os concellos que están a recuperar os Xenerais da Ulla con distintas fórmulas que van dos Xenerais, os Correos, o Abandeirado, O rei e a raíña, o Coro de Vellos ou as distintas comparsas. Os oito concellos desenvolvemos desde o ano 2012 accións conxuntas de cara á conmemoración do seu entroido tradicional mais, de cara o ano 2016, queren impulsar un plan de promoción conxunta que afonde non só na conmemoración senón tamén na difusión e investigación con intención patrimonial, cultural e turística.
O deputado da área de Cultura, Turismo e Patrimonio Histórico-Artístico, Xosé Regueira reuniuse neste mércores 16 de decembro, co alcalde de Boqueixón, Ovídeo Rodeiro, a concelleira de Promoción Económica de Teo, Conchi García e o concelleiro de Turismo de Vedra, Manuel Costa como representantes dos oito concellos que impulsan o Plan para a Promoción conxunta do Entroido Rural Tradicional dos Xenerais da Ulla. Na xuntanza, o deputado comprometeuse a apoiar a recuperación do entroido da Ulla, unha manifestación única do noso patrimonio cultural con grande potencialidade de atracción turística e manifestou a vontade de abrir novas canles de comunicación entre as institucións implicadas para a súa dinamización.
Despois da xuntanza na Deputación da Coruña, os concellos teñen sobre a mesa un vindeiro encontro na Deputación de Pontevedra co fin de aprobar o protocolo de colaboración conxunta que proporcione un novo impulso aos Xenerais da Ulla. “Temos vontade común de abrir novas canles de comunicación para un futuro protocolo de impulso desta manifestación tradicional de gran repercusión non só na propia veciñanza da comarca senón como atractivo turístico”, sinalou Xosé Regueira.
- Categoría (s): Boqueixon
- Publicada o
Os concellos do entroido dos Xenerais da Ulla conseguen o apoio da Deputación da Coruña para impulsar o entroido rural da Ulla
Comparte esta nova:
Facebook
Twitter
LinkedIn
WhatsApp
Email
Imprimir