A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organizou conxuntamente co Concello de Boqueixón, o II Encontro Dragal no Pico Sacro, onde se deron cita este venres preto de 400 alumnas e alumnos de varios centros de ensino de toda Galicia.
A xornada comezou ás 10:30 horas cunha benvida aos participantes, que quedaron integrados no gran xogo de rol ao baixaren dos autobuses. Media hora despois deu comezo o xogo de rol, que se extendeu ao longo de tres horas a través dunha ruta programada na que pasaron diferentes probas e bateron con personaxes da obra literaria de Elena Gallego. Xa ás 14:30 horas todos os rapaces compartiron un xantar de confraternización no que degustaron produtos típicos, para ás 15:30 horas dar comezo a entrega de diplomas participativos.
Neste acto de peche estiveron presentes, entroutros, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, o Director da empresa Ramsa, Roberto Almuíña e a propia autora da triloxía Dragal, Elena Gallego Abad. Con ela, os rapaces puideron debater sobre a triloxía, motivo principal deste encontro. Pola súa banda, Valentín García valorou ‘a creación dun lecer alternativo baseado na nosa cultura literaria, así como nas nosas tradicións e historia’.
Os obxectivos do encontro son dar a coñecer a historia galega mediante os personaxes, descubrir a zona elixida para o xogo, fomentar o interese dos participantes pola lectura en galego, propoñer modelos alternativos de lecer nos que se fomente o traballo en equipo, e estimular a creatividade e máis a imaxinación das rapazas e rapaces participantes.
Neste encontro no Pico Sacro os centros participantes foron: o CPI Virxe da Cela de Monfero e o IES Rafael Puga Ramón, representantes da provincia da Coruña; o IES de Becerreá, desde a provincia de Lugo; como embaixadores de Ourense, os rapaces do IES Taboada Chivite de Verín; e a representación da provincia de Pontevedra correspondeulles ao IES Bouza Brey e ao IES Castro Alobre, ámbolos de Vilagarcía de Arousa.
O proxecto Dragal contou cun wiki de acceso restrinxido aos dragaliños, que é como se denomina ás alumnas e alumnos participantes no proxecto, e máis aos mestres. Alí puideron atopar xogos en liña relacinados coa temática da triloxía, propostas de traballo e materiais para abordalas. Ademais, o wiki do proxecto, no que rapazas e rapaces realizaron e compartiron traballos, renovou as súas funcionalidades.
No primeiro trimestre, os participantes comezaron coa lectura da novela ‘Dragal I. A herdanza do dragón’, procedeuse á dragalización (ambientación) dos centros escolares, e á toma de contacto de todos os centros participantes. No segundo trimestre escolar, os docentes contaron cunha sesión de formación, realizáronse varios encontros entre a autora da triloxía Dragal, Elena Gallego, con rapaces e mestres, contouse coa actuación dun contacontos en cada centro educativo, e procedeuse ao traballo conxunto co wiki, co que se proseguiu no terceiro trimestre.
Todo este ano de traballo culminou coa xuntanza deste venres no Pico Sacro, lugar lendario co que os rapaces estaban moi familiarizados debido ao seu predominante papel na triloxía Dragal.