O Programa Reforma 15 axudará a renovar equipamentos de baños e cociñas
Resolución do 16 de setembro de 2015 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección (IGAPE) que aproba as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, a particulares para a adquisición de materiais e pezas de mobiliario de cociña e baño (Reforma15), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria. (DOG nº 183 do 24/09/2015).
Obxecto: Convocar axudas a particulares para a adquisición de materiais e pezas de mobiliario de cociña e baño (Reforma15), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión.
O Igape publicará na súa páxina web http://www.igape.es/es/ser-mais-competitivo/reforma15 a relación actualizada en todo momento dos establecementos de venda adheridos ao programa.
Beneficiarios: Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas, consumidores individuais, propietarias ou titulares de calquera dereito sobre inmobles do sector residencial situados na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que os bens subvencionables descritos no artigo 3 se adquiran nunha entidade colaboradora adherida ao programa Reforma15 e se destinen ao dito inmoble. A titularidade dos dereitos sobre os inmobles non poderá comportar ánimo de lucro.
Contía da axuda: Será dun 20 % sobre o prezo dos bens, impostos excluídos, e antes do desconto requirido no seguinte parágrafo, cun máximo acumulado de subvención de 1.000 € por beneficiario.
A axuda do Igape virá condicionada a un desconto realizado polo establecemento de venda, que será realizado sobre a base impoñible da factura, de importe polo menos da mesma contía que a axuda outorgada polo Igape.
Polo tanto, a diferenza de prezo sobre a base impoñible resultante para o comprador dos bens obxecto de axuda será do 40 % desta, cos límites expostos, mediante o desconto e a subvención á compra, sen prexuízo de calquera desconto adicional que se poida obter por políticas concretas de venda ou promocións dos establecementos ou fabricantes.
En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao seu valor do mercado.
Presentación de solicitudes: As entidades colaboradoras do programa Reforma15 son as encargadas de tramitar o procedemento (presentar a solicitude e presentar a documentación xustificativa da actuación).
O comprador ou compradora dirixirase a unha entidade colaboradora e elixirá un conxunto de bens para adquirir que cumpra os requisitos mínimos exixidos.
Na páxina web do Igape ) estará dispoñible unha listaxe de entidades colaboradoras do programa Reforma15.
Prazo: As entidades colaboradoras poderán solicitar a súa adhesión a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG e ata o 30 de outubro de 2015 (código de procedemento IG218).
O prazo de presentación de solicitudes de axuda (que inclúen a documentación xustificativa e a solicitude de cobro) comezará 10 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG (6 de outubro de 2015) e finalizará o 16 de novembro de 2015, agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito.
O prazo de xustificación da axuda estenderase ata o 30 de novembro de 2015.
MÁIS INFORMACIÓN: No departamento de Servizos Sociais do Concello ou ben chamar ó teléfono 981513106.