O Concello de Boqueixón non é alleo á tráxica situación de milleiros de persoas que están a fuxir dos conflitos que sofren os seus países de orixe. Por este motivo inicia unha serie de actuacións encamiñadas ao deseño dun programa de acollida e atención a posibles persoas refuxiadas que poidan chegar ao noso municipio.
O Departamento de Servizos Sociais analizará as posibilidades de ofertar acubillo ás persoas refuxiadas. Para isto, aqueles que poidan ofrecer unha estancia ou unha vivenda para esta finalidade deben de comunicalo ao servizo a través do teléfono 981513106 ou ben do correo electrónico ana.anta@boqueixon.es indicando no asunto Acollida. Posteriormente, e coa finalidade de crear un rexistro sólido de peticións para a acollida de refuxiados/as, o persoal técnico do servizo realizará as visitas domiciliarias pertinentes así como as entrevistas persoais coas persoas ofertantes de acollida. Trátase, deste xeito, de estudar e valorar debidamente as ofertas.
Paralelamente, configurarase un grupo de voluntariado específico que poida dar resposta ás necesidades de atención destas persoas nos seguintes aspectos: intermediación cultural, acollida e acompañamento, asesoramento no ámbito da saúde, escolar, apoio psicolóxico e lingüístico, seguimento da convivencia e solución de conflitos, etc. Todas aquelas persoas interesadas en participar nalgún destes aspectos poden contactar co Departamento de Servizos Sociais polos mesmos medios indicados anteriormente.