O Obradoiro de Emprego de Boqueixón-Vedra, cun total de 20 alumnos/as traballadores/as desempregados/as (10 por cada un dos concellos) e cun equipo docente e directivo formado por 5 membros, inaugurou oficialmente esta nova etapa na sede que a entidade promotora ten en Camporrapado-Boqueixón, e contou coa presencia dos alcaldes de Boqueixón e Vedra, Ovidio Rodeiro e Carlos Martínez, e do concelleiro de Industria, comercio, novas tecnoloxías e Innovación do Concello de Boqueixón, Antonio González.
O programa, subvencionado pola Consellería de Traballo e Benestar, ten unha duración de 6 meses, e configúrase como un programa mixto de emprego e formación que ten por finalidade mellorar a ocupacionalidade das persoas desempregadas de 18 e máis anos de idade, mediante a realización de obras de interese xeral e social.
As 2 especialidades formativas que se imparten para a obtención do certificado de profesionalidade son: Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción e Traballos de carpintería e moble. Tamén se impartirá a seguinte formación: educación básica, formación complementaria (alfabetización informática, sensibilización ambiental, igualdade de xénero, prevención de riscos laborais), orientación e información profesional.