O vindeiro domingo, 2 de agosto de 2015 ás 12:00h. no cumio do Pico Sacro, terá lugar a Presentación do Campo de traballo DRAGAL 2015 que se desenvolverá na primeira quincena de agosto e que acollerá a 20 rapaces de Europa e Asia.
A Fraternidade do Dragón é un proxecto transmedia derivado da obra da escritora Elena Gallego. Dentro deste universo desenvolvemos diferentes contidos que achegarán significado ó conxunto da historia literaria. A aportación do campo de traballo é facer unha posta en valor do patrimonio cultural e artístico galego, mediante a dinamización da zona do Pico Sacro e o Camiño de Santiago. Ese proxecto lévase a cabo coa financiación da D. X. de Xuventude e Voluntariado, organiza Centro de Ocio Vida Láctea e colabora o Concello de Boqueixón e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Nesta presentación contaremos coa intervención de Ovidio Rodeiro Tato, alcalde de Boqueixón; Valentín García Gómez , Secretario Xeral de Política Lingüística e Elena Gallego, xornalista e escritora da triloxía Dragal. Estarán presentes todos os participantes no Campo de Traballo e o equipo directivo.