BOQUEIXÓN AMORTIZA 185.000 EUROS DO SEU ÚNICO CRÉDITO E DEIXA A DÉBEDA BANCARIA EN 78 EUROS POR HABITANTE, UNHA DAS MÁIS BAIXAS DA CONTORNA
O concello de Boqueixón amortizará na vindeira semana un total de 185.606,33 euros do único préstamo bancario, que esta entidade ten concertado con Abanca e que vence en 2025. Con esta decisión, o crédito pendente de amortización sitúase en 352.278,36 euros, o que supón unha cantidade por habitante de 78 euros. Estas cifras fan de Boqueixón un dos municipios da contorna que soporta unha menor débeda por habitante.
O alcalde, Ovidio Rodeiro, manifestou que a intención do seu goberno é o de amortizar a cantidade que resta do crédito nesta mesma lexislatura ou, polo menos, reducila moi considerablemente, “para que a situación económica non sexa un impedimento para prestar uns servizos públicos de calidade e mesmo que poida traer aparellada unha redución dos impostos locais que pagan os nosos veciños e veciñas ”.
Na acta de arqueo elaborada pola Secretaría_Intervención municipal con motivo do cambio de Corporación, sinala que o concello de Boqueixón conta cun saldo conxunto nas diferentes contas bancarias de 1.029.953,86 €.
Rodeiro tamén di que estas cifras son o resultado da política de contención do gasto e austeridade na xestión que se veñen aplicando en Boqueixón nos últimos sete exercicios, dende que a crise se fixo palpable e agradece aos dous alcaldes que o precederon a súa responsabilidade e prudencia orzamentaria.
Cabe recordar que Boqueixón foi o único concello da comarca de Santiago que non tivo que acudir ao Plan de pago a provedores impulsado polo Ministerio de Facenda en 2012. Nos últimos catro anos, este concello paga as súa facturas en 20 días ou menos.