O concello de Boqueixón, presenta formalmente, á Real Academia Galega de Belas Artes “Nosa Señora do Rosario”, a proposta de dedicar o “DIA DAS ARTES GALEGAS” do vindeiro ano 2016 á figura do pintor boqueixanés GREGORIO FERRO REQUEIXO (1742-1812) unha das figuras cumes da pintura galega de todos os tempos e un importante artífice do século XVIII español.
GREGORIO FERRO, nace na parroquia de Santa María de Lamas (Boqueixón) no seo dunha modesta familia, iniciouse nas técnicas do debuxo no Mosteiro de San Martín Pinario de Santiago de Compostela, a onde se trasladou sendo moi neno. Animado polos monxes benedictinos, matricúlase en Madrid como alumno da Academia de San Fernando no ano 1759 onde alcanzará numerosos premios e méritos, entre eles a disputa do posto de director xeral da Academia en 1804 e gañando a un dos grandes pintores universais, Francisco de Goya.
A relevancia deste pintor e a súa importancia na Historia da Arte española en xeral, e galega en particular, motivounos a acometer unha complicada tarefa no ano 2002 para un concello tan pequeno como o noso, e que foi renderlle o noso recoñecemento a través duna exposición pictórica na igrexa de Santa María de Lamas. Nela reunimos 20 obras conservadas na nosa comunidade autónoma que visitaron máis de dúas mil persoas, con gran eco nos diferentes medios de comunicación. A exposición contou coa colaboración dos profesores-autores da publicación que sobre a súa vida e obra realizouse, don Enrique Fernández Castiñeiras e don José Manuel López Vázquez.
Sabemos que contamos co apoio dos nosos veciños polo que sentímonos na obriga de que, Galicia coñeza e recoñeza a importancia que Gregorio Ferro acadou, de aí que solicitemos formalmente a Academia que teña en conta a nosa proposta.
Adxuntos
- Libro Gregorio Ferro (7 MB)
- Libro Gregorio Ferro (7 MB)
- Libro Gregorio Ferro (7 MB)
- Libro Gregorio Ferro (7 MB)