A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, asinou hoxe a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Boqueixón, un documento que outorgará seguridade xurídica e permitirá o desenvolvemento sostible deste concello coruñés durante os vindeiros 20 anos.
O documento aprobado hoxe establece case o 90% da superficie do concello como solo rústico protexido sobre todo de carácter forestal e agropecuario. Dentro deste solo rústico destaca o de protección paisaxística (5,17%), no que se engloban os principais fitos paisaxísticos do concello como o Pico Sacro, emblema do concello de Boqueixón. Tamén é destacable, no solo rústico de protección ordinaria o espazo vinculado á mina Serrabal, situada entre os concellos de Vedra e Boqueixón, que constitúe un dos motores económicos do municipio.
O solo de núcleo rural, pola súa banda, con case 6 km2 de superficie (o 8,2% do total) supón o recoñecemento dos asentamentos no rural, que teñen a condición de núcleos de poboación segregados do núcleo urbano. Deste xeito, o PXOM recolle os 113 núcleos rurais existentes, os cales derivan á súa vez dun territorio moi fértil con 14 parroquias.
Recolle, ademais, tres sectores de solo urbanizable delimitado residencial, na parroquia de Lestedo, para completar a trama urbana e mellorar as conexións.
Contempla catro sectores de solo urbanizable de carácter industrial —dous en Camporrapado e dous na Susana— que permitirán ordenar e planificar o crecemento de dúas áreas deste municipio que contan cun gran dinamismo e protagonismo industrial
O PXOM establece unha capacidade residencial total de 3.112 vivendas, das que 1.066 poderán ser de nova construción, sobre todo en solo urbano consolidado e en solo de núcleo rural.
O documento prevé máis de 111.000 metros cadrados de superficie de espazos libres e zonas verdes, o que supón un 25% máis do esixido por lei e case 105.000 metros cadrados de equipamento comunitario, tres veces máis do esixido pola normativa.
- Categoría (s): Boqueixon
- Publicada o
APROBACIÓN DEFINITIVA DO PXOM DE BOQUEIXÓN
Comparte esta nova:
Facebook
Twitter
LinkedIn
WhatsApp
Email
Imprimir