O Pico Sacro será o lugar de referencia para a celebración dun campo de traballo internacional o próximo mes de agosto.
A iniciativa, na que colabora a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado desenvolverase entre o 1 e o 15 de agosto.
A iniciativa xa conta con 15 prazas cubertas: sete internacionais, outras tantas nacionais e unha a maiores de Galicia.
Está previsto que acudan a Boqueixón este agosto mozos procedentes de Serbia, Rusia, Corea do Sur, Alemaña e Países Baixos. Aínda quedan prazas dispoñibles para persoas de entre 18 e 30 anos.
O campo de traballo tomará como base para as distintas accións creativas que se desenvolverán durante os 15 días a obra da escritora Elena Gallego e que leva por título Dragal: A Fraternidade do Dragón. A través deste traballo os mozos relacionarán as distintas lendas presentadas co mítico monte sagrado.