A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, leva a cabo a promoción e a organización de actividades cun claro compoñente de educación non formal destinadas á xuventude no ámbito do ocio e do tempo libre.
Para favorecer a participación da xuventude en actividades deste tipo, a consellería convoca, unha vez máis, a Campaña de verán 2014 que ofrece a posibilidade de que a xuventude empregue o seu tempo libre estival participando en actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo, que sirvan non só para divertirse, senón tamén para o enriquecemento persoal e vital, ademais de ofrecer a posibilidade de coñecer outros territorios da xeografía nacional a través das actividades que se realizan noutras comunidades autónomas de España.
Así mesmo, a Consellería de Traballo e Benestar, en aplicación do principio de transversalidade das políticas en materia de discapacidade, considera pertinente que ademais das actuacións específicas dirixidas ás persoas con discapacidade, se teñan en conta as necesidades e as demandas destas persoas nas políticas e liñas de acción de carácter xeral en calquera dos ámbitos de actuación pública, como é o ámbito de actuación das políticas dirixidas á mocidade galega.
Con base nestes criterios, tanto a Secretaría Xeral de Política Social como a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado acordan integrar na presente convocatoria as necesidades da mocidade galega na ocupación do seu tempo de lecer, de xeito que neste ano 2014 as mozas e mozos galegas/os con discapacidade, en función das limitacións que presenten, poidan ter a oportunidade de decidir sobre a modalidade de participación á que desexan optar: polo procedemento xeral ou polo procedemento das prazas reservadas de inclusión. Deste xeito preténdese que a inclusión social das mozas e mozos con discapacidade sexa unha realidade ao tempo que se favoreza a interacción e a convivencia entre toda a mocidade.
Acción de verán é un programa de actividades que ten lugar durante os meses de xullo e agosto, tanto en Galicia como noutras comunidades autónomas. Está composto por diferentes áreas, que comprenden actividades de lecer para toda a xuventude e actividades de voluntariado en campos de traballo nacionais e estranxeiros.
ÁREAS DE PARTICIPACIÓN
CAMPAMENTOS
Son unha forma diferente e divertida de pasar as vacacións estivais.
As diferentes actividades que integran esta programación levaranse a cabo en diversas quendas de entre oito e doce días de duración durante os meses de xullo e agosto.
Podes escoller o campamento que queiras en función da túa idade e das actividades que se leven a cabo nel: actividades de mar, iniciación ao teatro, rutas en bicicleta pola natureza, actividades de multiaventura….
CAMPOS DE TRABALLO
Campos de traballo en Galicia.
Campos de traballo noutras comunidades autónomas.
Campos de traballo no estranxeiro
ACTIVIDADES DE 18 A 30 ANOS
Actividades e programas de lecer e tempo libre para mozos e mozas de 18 a 30 anos.
OFERTA CONCERTADA (Só para entidades ou grupos non asociados)
A Consellería de Traballo e Benestar é consciente de que as asociacións xuvenís e as entidades que realizan actividades para a xuventude non sempre dispoñen dos medios e instalacións axeitadas para a execución do seu traballo. En consecuencia, co obxecto de facilitar á mocidade o acceso a instalacións xuvenís para o desenvolvemento de programas de lecer e tempo libre, sen ánimo de lucro, regula a través desta orde, e baixo a denominación de oferta concertada, o réxime de utilización das súas instalacións xuvenís durante a campaña de verán 2014.
A través da Oferta Concertada, a Consellería de Traballo e Benestar oferta o uso de instalacións xuvenís durante o período comprendido entre o 15 de xuño e o 30 de setembro.
+ Información no Departamento de Xuventude (telf. 981513115) ou http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran.html