ORDE do 21 de febreiro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades dos animais, e se convocan para o ano 2014 da CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR
OBXECTO: establecer as bases reguladoras das indemnizacións polo sacrificio obrigatorio ou morte de animais, ou pola destrución de produtos, no marco de programas ou actuacións oficiais de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades animais, e pola morte de animais no contexto das medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente, ou como consecuencia directa de tratamentos, manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico, así como nos demais supostos recollidos na Lei 8/2003, de sanidade animal, e convocadas para o ano 2014.
BENEFICIARIOS: Persoas físicas e xurídicas que sexan titulares:
a) De animais que se sacrifiquen ou morran por tuberculose, brucelose e lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, ou ter convivido con animais enfermos.
b) De animais e os seus produtos de calquera especie, sacrificados/mortos e /ou destruídos por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles.
c) De aves reprodutoras ou poñedoras da especie Gallus gallus e reprodutoras da especie Meleagris gallopavo, sacrificadas por orde da autoridade competente dentro dos programas nacionais de control de salmonela.
d) De aves sacrificadas por foco de influenza aviaria ou de enfermidade de Newcastle.
e) De porcos sacrificados/mortos por foco de peste porcina clásica ou de porcina africana.
f) De animais que se sacrifiquen/morran por resolución da autoridade en materia de sanidade animal, afectados por enfermidades distintas das sometidas a programas sanitarios oficiais.
g) De animais que morreran como consecuencia directa de actuacións, tratamentos e manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico e, en xeral, de animais que morran no contexto de medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente.
REQUISITOS: Para poder ter dereito ás indemnizacións reguladas nesta orde é imprescindible:
a) Que as persoas titulares e as explotacións gandeiras afectadas cumpran de forma estrita a normativa en vigor sobre sanidade animal, identificación animal, movemento pecuario, benestar e alimentación animal, e a dos programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades dos animais.
b) Que as explotacións gandeiras estean correctamente rexistradas na Comunidade Autónoma de Galicia, en concreto, figurarán inscritas e con todos os seus datos actualizados, no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega), establecido polo Real de creto 479/2004, e no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), regulado no Decreto 200/2012, da Consellería do Medio Rural e do Mar.
c) Que sexa efectivo o sacrificio obrigatorio de todos os animais incluídos nas resolucións de sacrificio ou/e de baleiro sanitario que fosen emitidas pola autoridade competente.
FORMA DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES:
√ Poderán presentarse preferiblemente por vía electrónica ou por calquera outro medio válido en dereito.
√ O procedemento de concesión iniciarase por instancia de parte coa presentación da solicitude de indemnización, por parte da persoa interesada, e empregando o formulario que figura como anexo I. Cando as indemnizacións correspondan a unha pluralidade de persoas, poderán ser formuladas nunha única solicitude, por medio de representante legalmente habilitado.
+INFO: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2014/20140304/AnuncioG0165-240214-0020_gl.pdf