O Consello da Xunta aprobou onte, xoves 19 de setembro, a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para o Entroido dos Xenerais do Ulla de Boqueixón, Teo, Touro, Vedra, Santiago de Compostela, Vila de Cruces, Silleda e A Estrada. O Entroido dos Xenerais do Ulla trátase dunha celebración orixinal e centenaria da comarca da Ulla, con referencias documentadas nos anos 70 do século XIX e conta cunha alta participación, de modo que presenta orixinalidade, antigüidade e arraigamento. A orixe destes desfiles de xenerais e correos parece estar na Guerra da Independencia, a parte principal que se reflexa no entroido da Ulla era un combate entre os paisanos e as tropas de Napoleón.
Os personaxes máis relevantes desta celebración son os xenerais e os correos a cabalo que, acompañados de abandeirados, coros, comparsas e parrandas, percorren as parroquias da zona e escenifican diversas escenas. As diferentes parroquias presentan incluso singularidades e manteñen os seus trazos definitorios. A espectacularidade deste Entroido tradicional galego logra atraer cada ano a numerosos viaxeiros á comarca da Ulla na que existen numerosos puntos de interese turístico.