A Consellería do Medio Rural e do Mar prohibe as queimas dende o 25 de xuño ata o 30 de setembro inclusive. Deste xeito, queda totalmente prohibido realizar queimas nos montes galegos durante este período de tempo. Isto implica que quedan tamén en suspenso os permisos xa concedidos.
Esta medida adóptase de xeito preventivo ante a previsión de altas temperaturas e de vento para estes días. Trátase dunha orde que se realiza todos os anos, habitualmente ao comezo da tempada de alto risco de incendios forestais -1 de xullo-, debido á previsión de altas temperaturas típicas da época estival.
A decisión de adiantala uns días tomouse tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica nos últimos días e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume. Tamén tendo en conta que a normativa –Decreto 105/2006 polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais- prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control, especialmente nos días de vento.