ORDE do 3 de xuño de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e a igualdade nas pequenas e medianas empresas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2013 da CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR (DOG. núm. 109 do 10 de xuño de 2013).
OBXECTO: concesión de axudas para o ano 2013 a pequenas e medianas empresas (pemes), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e para o fomento da igualdade laboral a través da implantación de plans de igualdade, da eliminación da infrarrepresentación feminina ou da garantía da conciliación da vida familiar e laboral.
Esta orde cobre as accións que se realicen entre o día 1 de xaneiro de 2013 e a data de remate do prazo de xustificación destas axudas. As actuacións subvencionables desagréganse nas liñas, I e II, e nos programas que se especifican a continuación:
Liña I. Axudas para implantar a RSE nas empresas galegas: subvenciona a formación de persoal das empresas que elaboren o seu informe de RSE, ou memoria de sustentabilidade, a través do programa informático Xunta PRO-RSE, ferramenta de xestión da RSE, a nivel de usuario, que facilita de xeito gratuíto a Consellería de Traballo e Benestar a través da páxina web http://rse.xunta.es, páxina en que se explica polo miúdo o seu funcionamento.
Liña II. Axudas para o fomento da igualdade laboral:
Programa 1. Axudas para a implantación de plans de igualdade nos termos e nos ámbitos definidos na Lei 2/2007, de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, tanto de xeito voluntario como en cumprimento da obriga establecida nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa. Polo tanto, non será de aplicación ás empresas coa obriga legal de implantar plans de igualdade segundo o establecido no artigo 45.2 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo.
Programa 2. Axudas para investimentos tendentes á eliminación da infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados predominantemente por homes.
Programa 3. Axudas para os investimentos tendentes a garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral.
PRAZO DE PRESENTACIÓN: un mes contado desde o día seguinte ó da publicación da Orde no DOG.
LUGAR DE PRESENTACIÓN DA SOLICITUDE: a documentación presentarase na sede electrónica ou por calquera outro medio válido en dereito.