O grupo Área Santiago, no que participa o Concello de Boqueixón, constituíuse formalmente este luns 27 de maio coa sinatura dun protocolo de colaboración por parte dos alcaldes dos concellos participantes, que suman unha poboación superior as 250.000 persoas e unha extensión de preto de 2.500 kms², aproximadamente un 10% da extensión de Galicia. Os concellos que forman parte de Área Santiago son: A Estrada, Ames, Arzúa, Boqueixón, Brión, Melide, O Pino, Oroso, Padrón, Rois, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces.
O acto de sinatura tivo lugar no Pazo de Raxoi, dando paso posteriormente a unha degustación gastronómica cunha selección de productos dos diferentes Concellos. Esta selección foi posible grazas á colaboración tanto dos concellos como de empresas da Área Santiago, que cederon os seus produtos para que este evento fose posible, nun exemplo do modo de traballar conxunto e colaborativo que se quere impulsar dende o Grupo. De Boqueixón colaboraron cos seus produtos: Queixo D.O.P. Arzúa-Ulloa de “Bo-Queixo” e Tarta de Santiago de “Tartas de Lestedo”.