A Deputación da Coruña vai desenvolver en colaboración co concello de Boqueixón accións formativas dirixidas a persoas desempregadas dos concellos de A Baña, Ames, Brión, O Pino, Teo, Boqueixón, Touro, Vedra.
A formación enmárcase no proxecto RedeXiana2 (Xestión Integral, Accesibilidade, Novas Tecnoloxías e Adaptabilidade no mercado laboral galego), cofinanciado pola entidade provincial e o Fondo Social Europeo.
Boqueixón achega as súas instalacións municipais para a impartición de accións formativas de Obradoiros de empregabilidade, Habilidades sociais e comunicacións, Responsabilidade social, Igualdade, Medio ambiente na agricultura.
As persoas participantes formarán parte dos itinerarios formativos e de inserción laboral previstos no proxecto, a través dos cales poderán recibir a formación adecuada ás súas necesidades formativas e a orientación e titorización individualizada e de xeito permanente ao longo de todo o itinerario.
O obxectivo final consiste nunha maior profesionalización das persoas desempregadas e a súa inserción no mercado laboral en termos de calidade e responsabilidade social, en virtude do Pacto Provincial polo Emprego Responsable na provincia da Coruña, asinado polos 91 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes que participan no proxecto RedeXiana2.