A Consellería de Economía e Industria, a través do Inega,
está a desenvolver un proxecto piloto de iluminación
pública exterior no Concello de Boqueixón que,
segundo as primeiras estimacións, acadará aforros
enerxéticos próximos ao 70% nas zonas incluídas no estudo.
O PROXECTO PILOTO DE ILUMINACIÓN PÚBLICA PROMOVIDO POR ECONOMÍA E INDUSTRIA NO CONCELLO DE BOQUEIXÓN PERMITIRÁ AFORROS ENERXÉTICOS PRÓXIMOS AO 70%
- Substituiranse máis de 430 lámpadas por outras máis eficientes en distintas zonas do municipio
- O obxectivo é reducir a factura eléctrica nos lugares incluídos no estudo en preto de 35.000 euros por exercicio
- Evitarase así a emisión a atmosfera de máis de 71.000 kg de CO2 ao ano, cifra equivalente a plantación de 3.500 árbores
Boqueixón (A Coruña), 29 de outubro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), está a desenvolver un proxecto piloto de iluminación pública exterior no Concello de Boqueixón que, segundo as primeiras estimacións, acadará aforros enerxéticos próximos ao 70% nas zonas incluídas no estudo. “A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético dos concellos galegos nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, subliñou o director do Inega, Eliseo Diéguez, na presentación do proxecto.
A actuación comprende o cambio de máis de 430 lámpadas ubicadas en distintos lugares do municipio: Igrexa e Polígono Industrial de Sergude, Lestedo, O Forno, Santabaia ou Vilar. No seu lugar instalaranse lámpadas de última xeración que permitirán, en total, un aforro enerxético de case 204.000 kWh ao ano, o que supón un aforro económico próximo aos 35.000 euros por exercicio nas zonas afectadas.
Neste sentido, e segundo apuntou Diéguez, “o Concello de Boqueixón diminuirá a súa factura económica en torno a un 65% nas parroquias incluídas na mostra”. Así mesmo, o conxunto da nova instalación suporá unha redución das emisións a atmosfera de máis de 71.000 kg de CO2 ao ano, cifra equivalente á plantación de preto de 3.500 árbores.
O proxecto presenta unha inversión total no Concello de Boqueixón de case 50.000 euros, dos que o Inega achega o 40% e a empresa RAT Light System o 60% restantes. Con esta actuación, como resaltou Diéguez, “a Consellería de Economía e Industria mostra unha especial sensibilidade cos municipios por ser a administración local a máis achegada aos cidadáns”, tendo as medidas adoptadas un maior grao de visibilidade e repercusión pública.
A actuación encádrase nun convenio no que participan outros dous concellos galegos –Moraña e Arnoia-, e os seus resultados servirán para estudar a implantación de novas tecnoloxías de iluminación exterior, extrapolando os resultados obtidos a outros municipios da comunidade.
O departamento que dirixe Javier Guerra continúa así prestando unha especial atención ao fomento do aforro e a eficiencia enerxética nos concellos. Así, esta actuación súmase a outra posta en marcha a comezos de outubro, e que tamén permitirá a implantación de tecnoloxía de última xeración noutros catro concellos galegos co obxectivo de aforrar enerxía e diminuír custos. Ademais, e para axudar as administracións locais, o Inega conta cunha aplicación informática que lles facilita a optimización da súa factura eléctrica, e un servizo de asesoría para concellos que resolve as distintas dúbidas que xorden no ámbito enerxético.